Thursday 16 de May de 2024

A Xunta elabora unha estratexia para propiciar a inclusión social da poboación xitana con case un centenar de medidas


No eido educativo levaranse a cabo propostas para incrementar o nivel educativo da poboación infantil xitana, en especial o número de alumnos que completan a Educación Primaria e Secundaria

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello, a elaboración dunha estratexia 2014-2020 para propiciar a inclusión social da poboación xitana con case un centenar de medidas.

Feijóo subliñou que esta iniciativa permitirá dar resposta a dúas necesidades concretas: seguir promovendo a normalización das condicións e a calidade de vida das persoas xitanas en Galicia e apoiar a súa plena integración social e económica.

Nesta liña, e segundo precisou, un dos obxectivos prioritarios desta estratexia será crear un marco estable para o desenvolvemento das distintas intervencións e promover dentro del a coordinación e traballo en rede entre os distintos niveis da Administración Pública e as entidades que representan ou orientan a súa actividade á poboación xitana.

Así mesmo, esta iniciativa pretende apoiar o desenvolvemento dos dereitos fundamentais das persoas xitanas e tentar equiparar o seu estándar de acceso aos servizos -educativo, sanitario, vivenda e servizos sociais-; e mellorar tamén as súas condicións e a calidade de vida a través de medidas específicas e compensatorias dirixidas á normalización nos ámbitos que rexistran maiores desvantaxes e desigualdades.

Promover a igualdade da muller, aumentar o coñecemento sobre a situación da poboación xitana en Galicia e garantir a efectiva igualdade de oportunidades para o pleno exercicio dos seus dereitos, son outros fins que se inclúen nesta estratexia e aos que fixo referencia Feijóo.

Para acadar estes obxectivos, o titular do Goberno galego destacou que esta iniciativa plantexa traballar con case un centenar de medidas en seis ámbitos de intervención. Así, no eido educativo levaranse a cabo propostas para incrementar o nivel educativo da poboación infantil xitana, en especial o número de alumnos que completan a Educación Primaria e Secundaria.

Tamén se levarán a cabo medidas para favorecer o acceso da poboación xitana á vivenda normalizada e erradicar o chabolismo; medidas en materia de saúde para, por exemplo, promover as revisións médicas entre a poboación infantil; e, no eido do emprego, potenciarase a obtención de certificados de profesionalidade e cursos de formación relacionados coas actividades económicas que desenvolvan.

En materia de servizos sociais impulsarase a mediación nos distintos ámbitos a través das entidades de iniciativa social, con actividades que faciliten a integración dos menores ou ofertando a realización de cursos para a obtención do permiso de conducir. “E, no referido á participación, tamén se promoverá a participación da poboación xitana en asociacións para que actúen como canle de comunicación das administracións con este colectivo e ter así unha proximidade ás necesidades”, engadiu Feijóo.

O presidente do Goberno galego incidiu en que esta estratexia 2014-2020, elaborada contando coas achegas dos colectivos e organizacións vinculadas á poboación xitana, ten como finalidade que o colectivo xitano mellore as súas condicións de vida.